El enterrador — Thomas Lynch

lynchThomas Lynch é coñecido en Norteamérica por ser un dos poetas máis recoñecidos dos últimos anos. Por iso, non deixou de chamarme a atención este libro tan peculiar, no que se aúna lirismo e realismo a partes iguais. El enterrador (2004) está formado por unha serie de reflexións arredor da morte dende a experiencia de Lynch como director dunha empresa de pompas fúnebres en Milford, a pequena vila na que vive.

Unha das ideas nas que máis insiste é que aos mortos non lles importa o que se faga con eles, pero que é unha obriga profesional e á vez moral, acompañar aos vivos, familiares, amigos e amores que quedan. A dor, o sufrimento, a soidade, o desamparo son sentimentos que están todos tratados dende o respecto e o coñecemento dun profesional que se entrega en cada funeral e que trata de facer máis levadeira esa inevitable última viaxe. O máis sorprendente é que pese ao tema tan pouco amable, todas as reflexións son vivaces e optimistas, unha verdadeira homenaxe a todas aquelas persoas que están detrás destas historias.

Imaxino aos directores de funeraria como persoas inaccesibles, case pétreas, pero Thomas Lynch amósase neste libro como un observador pertinaz de todos os ritos que envolven á morte. Dende unha mirada máis humana e desgarradora cando fala de casos persoais, ata profundas reflexións sobre o significado cultural de morrer, o poeta dá mostra dunha estraordinaria capacidade para facer poesía dos momentos máis duros do ser humano. Hai que ser valente, ao meu entender, para facer un libro centrado en temática tan controvertida. Non nos gusta falar da morte e moito menos prestarlle unha atención tan detallada, procuramos pasar polo trance o máis rápida e hixienicamente posible, tentando que todo o proceso sexa o menos traumático posible, cando temos á certeza de que é imposible que o sexa. Ao fin e ao cabo, á morte obríganos a despedirnos para sempre daqueles aos que amamos, odiamos ou respetamos.

En mi época parece haber una relación inversamente proporcional entre el tamaño de las pantallas de los televisores y el espacio que les dejamos a los muertos en nuestras vidas y paisajes.

Ver a vida dende o oficio fúnebre podería dar lugar a unha serie de reflexións deprimentes e tristes, pero Thomas Lynch logra darlle unha nova mirada ao tema dende a cotidianeidade, o humor e o sarcasmo. Tratar tan de preto aos mortos parece ser un aliciente para sentir con máis profundidade a vida. O mellor, ademais dalgúns personaxes extravagantes que protagonizan algunhas das anécdotas máis divertidas, son as reflexións socias sobre que lugar ocupa a morte nun mundo que pretende ser inmortal.

El inodoro de cadena, más que cualquier otro invento, nos ha «civilizado» de una manera que ni la religión ni el derecho lograron jamás. Se acabó el oficio matinal de la bacinilla o la letrina que permitía que la vista, los sonidos y los olores nos recordaran que la carne es corruptible.

Es igual con nuestros muertos. Nos avergüenzan de la misma manera en que nos avergonzamos de un inodoro que se atasca la noche en que tenemos compañía. Es una emergencia. Llamamos al fontanero.

Ás veces é enriquecedor sorprenderse con lecturas que escapan aos nosos gustos persoais, deixarse enrolar en aventuras novas e descubrir a capacidade dos escritores para falar sen tapuxos deses temas tabú polos que pasamos sen querer. Unha experiencia diferente é a que se nos presenta en El enterrador, obra finalista dos National Book Award. Thomas Lynch é capaz de ver o fermoso que ten a vida incluso tratando máis de preto ca ninguén coa morte. Quizais a súa profesión espertase a súa vocación como poeta, nada como a poesía para falar da vida e a morte, a beleza e o horrible como dúas caras dunha mesma moeda.

Deja un comentario

Blog de WordPress.com.

Subir ↑